O programa ‘Vive o Rio Minho’ pecha esta fin de semana con actividades en A Guarda e Caminha
O programa de actividades ecoturísticas da Deputación ‘Vive o Rio Minho’ vai ter o seu colofón esta fin de semana cun conxunto de propostas a realizar ao longo dos concellos de A Guarda e Caminha. Unha vez máis, a proposta –destinada a atraer público para dar a coñecer o territorio transfronteirizo do Miño- resultou todo un éxito de acollida, xa que as prazas esgotáronse en apenas minutos.
Nesta ocasión a actividade terá dous días de duración e localizarase na desembocadura do río Miño combinando rutas de sendeirismo, observación ornitolóxica, visitas guiadas e unha visita dramatizada no castro de Santa Trega.
O primeiro día –sábado- subirase ata o alto de Santa Trega para gozar dunha visita dramatizada ao Castro e despois comer no alto namentres se aprecian as vistas da desembocadura do Miño. Pola tarde o grupo viaxará en ferry ata Caminha onde fará unha visita guiada para rematara xornada cunha actividade de observación astronómica dende a zona do Puntal, na desembocadura do Miño.
Os roteiros ecoturísticos do programa ‘Vive o Rio Minho‘ da Deputación volveron colgar o cartel de ‘prazas esgotadas’ en apenas minutos
Ao día seguinte, máis tranquilo que o anterior, realizarase unha actividade de observación de aves pola mañá (cunha pequena ruta duns 6 quilómetros aproximadamente de dificultade baixa) e un pequeno paseo e visita ás cetáreas e ao núcleo histórico da Guarda, tamén de 6 quilómetros e de dificultade baixa.
Hai que lembrar que ‘Vive o Rio Minho’ é un programa desenvolvido dentro do proxecto ‘Visit Rio Minho’ financiado con fondos europeos do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’’, que pretende ofertar unha alternativa ao turismo masificado para coñecer o territorio transfronteirizo do Miño dun xeito tranquilo, seguro –seguindo protocolos sanitarios pola COVID-19- buscando a natureza, a cultura e toda a riqueza que ofrece a contorna.
O pasado domingo, a proposta consistiu en facer caiac polo Miño e sendeirismo. Fíxose unha ruta camiñando entre a desembocadura do río Tamuxe e o porto de Goián para despois realizar o tramo inverso en caiac polo río. No caso do sábado 26 o eixo central foi o cicloturismo pola ecovía do Miño entre Valença e Vila Nova de Cerveira xunto a un pequeno percorrido cunha visita guiada polas vilas históricas de Tui e Valença.
Todas as persoas participantes no programa ‘Vive o Rio Minho’, ademais de participar gratuitamente nos roteiros ecoturísticos, recibiron un paquete de material promocional co que publicitar a marca ‘Rio Miño’. En xeral a satisfacción foi máxima tanto na organización como nas persoas asistentes, polo que queda aberta a organización dunha próxima edición aínda que non se dispoña de fondos europeos.