O domingo 23 de setembro terá lugar a 2ª edición do descenso a nado “Concello de Salvaterra”, e que forma parte ademais do XXII Circuíto Galego Arzúa-Ulloa D.O.P. de Augas Abertas Open. A organización corre a cargo do Club Natación Ponteareas, coa colaboración do Concello de Salvaterra de Miño.
A proba rexerase polo presente regulamento particular, Normativa FEGAN de Augas Abertas, Normativa de Competición de Aguas Abiertas da Federación Española de Natación (RFEN) e Normativa WORLD AQUATICS Open Waters. E estará controlada polo Comité Galego de Árbitros da Federación Galega de Natación, sendo a súa competencia a resolución de calquera cuestión ou recurso arbitral que apareza no desenvolvemento da mesma. Haberá 3 percorridos:
- O percorrido de 4 quilómetros, comezará no Vocal. A saída terá lugar desde a auga, amarrados a unha corda que non se poderá soltar ata que o xuíz dea a orde de saída. Haberá unha única baliza de paso obrigatorio na chegada, embude de entrada a meta. A chegada terá lugar no Parque da Canuda, nun arco flotante.
- O percorrido de 2,5 Km e comezará nas Termas Municipais de Salvaterra. A saída terá lugar dende a auga, haberá unha única baliza de paso obrigatorio na chegada, embude de entrada a meta, e a chegada terá lugar no Parque da Canuda.
- O percorrido de 1 Km comezará no peirao do antigo transbordador. A saída terá lugar dende a auga, e haberá unha única baliza de paso obrigatorio na chegada, embude de entrada a meta. A chegada terá lugar tamén no Parque da Canuda.
Con 3 distancias para @s nadador@s (4k- 2,5K e 1K), Salvaterra consolídase como un dos referentes desta proba. Isto débese ao éxito que supuxo o ano pasado, cunha participación de 300 nadadores e nadadoras, e a velocidade que collen coas fortes correntes da nosa zona, o que fai a proba máis espectacular.

