A Feira de Cultivos do Baixo Miño celebra este ano a súa 21ª edición convertida xa nun dos grandes escaparates do sector do viveirismo galego, e cunha programación que durante tres días transformará Goián nun espazo de encontro, innovación e divulgación arredor da planta, a flor, a horta e os subministros. Un evento que consolida un sector e proxecta un territorio.
Organizada pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e polo Concello de Tomiño, do 8 ao 10 de maio a praza Pintor Antonio Fernández -de Goián- acollerá unha nova edición dun evento cheo de vida e cor, con expositores, charlas, obradoiros, concertos e actividades. Unha nova aposta por un formato ao aire libre xa consolidado que facilita o contacto directo entre profesionais, empresas e público xeral a través dunha programación ampla e dinámica pensada para seguir medrando en participación.
Nesta edición, o recoñecido paisaxista e divulgador Íñigo Segurola será o padriño da feira, achegando a súa experiencia e coñecemento nunha das charlas previstas no programa. Xunto a el tamén se incorporan voces como a da influencer Nuska Chousa, reforzando o carácter divulgativo, aberto e moderno do evento.
+ info: www.feriadecultivos.gal

