Visit Rio Minho achégase a Badaxoz para dar a coñecer a marca Rio Minho na 30ª edición da feira Fehispor
O proxecto Visit Rio Minho, confinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da convocatoria de axudas do Programa de Cooperación Territorial Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, participará na 30ª edición da Feira Hispanoportuguesa (FEHISPOR) que se celebra dende hoxe ate o 24 de novembro en Badaxoz.
Esta nova edición de Fehispor arranca co encontro dos proxectos Turismo/ Interreg de España e Portugal, que porán en común as accións que promoven, as relacións e o turismo transfronteirizo. Visit Rio Minho levará como estandarte a marca Rio Minho, creada a partir dun riguroso estudo, co obxectivo de potenciar a visibilidade do territorio e poñer en valor o patrimonio material e inmaterial do río Miño transfronteirizo.
O evento celebra este ano a súa 30ª edición coa presenza de máis de 200 marcas
A visita á feira Hispanoportuguesa suporá un impulso para a marca Rio Minho, que dará a coñecer o valor do territorio do río Miño nun entorno predisposto ás relacións transfronteirizas nun marco turístico e cultural.
A marca Rio Minho acolle a oferta cultural, de ocio, gastronómica e turística do territorio e conta coa implicación dos concellos e cámaras municipais que forman parte do río Miño transfronteirizo, dando como resultado un destino único de gran atrativo.
A feira Fehispor
Fehispor celebra este ano a súa 30ª edición coa presenza de máis de 200 marcas de diversos sectores, co obxectivo de potenciar e descubrir un ano máis o mellor da cultura Española e Portuguesa, achegando empresas e visitantes de ambos países. Ao longo dos anos, o evento consolidouse como unha feira de referencia, albergando a visita de case 30.000 persoas en edicións anteriores.
A Feira Hispanoportuguesa, que terá lugar no recinto feiral de Badaxoz, conta coa colaboración de Turiberia, unha axencia de viaxes online que impulsa o turismo hispanoluso e que da lugar a unha das novidades desta edición: a I Mostra de Turismo Hispanoluso, un novo espazo temático sobre turismo ibérico que permitirá aos asistentes percorrer os destinos máis destacados da península e coñecer as accións de cooperación transfronteiriza que se están a efectuar.
Outro dos atractivos de Fehispor nesta edición será a presenza de Qatar como país invitado, presentando unha exposición de oito maquetas de estadios de fútbol, destacados pola súa complexa arquitectura e a exhibición de coleccións privadas de figuras de Marvel. Ademais, haberá unha exposición da historia do fado e un mercado degustación de produtos de ambas rexións.