– Qué son –
Un dos maiores atractivos do territorio do río Miño é o seu patrimonio natural, centenas de quilómetros de costa fluvial nun medio protexido ambientalmente
(Rede Natura 2000) cunha amplia oferta de actividades náuticas e de lecer.
A través do proxecto Visit Rio Minho, baixo a coordinación do AECT Rio Minho, será potenciada a creación dun anel verde de sendeiros para percorrer a pé ou en bicicleta.
As sendas responden a diferentes tipoloxías. Así por exemplo, no curso baixo do río, os vieiros teñen un trazado con pendentes máis suaves e pavimentos que facilitan a rodadura das bicicletas. Mentres, na parte máis alta, atopámonos cunha orografía moito máis complicada, entre espazos de gran valor natural, que en moitos casos seguen o trazado dos tradicionais “sendeiros de pescadores”.
Seguindo estes sendeiros atoparemos ademais moitos puntos de interese turístico, dende os propios cascos antigos e amurallados das vilas que no seu día marcaron a fronteira, ata outros elementos como as famosas pesqueiras, achados arqueolóxicos, monumentos, igrexas etc.
E moi perto dos sendeiros temos unha gran oferta de ocio e algúns dos mellores establecementos hostaleiros da zona, onde poderemos descubrir a fantástica e orixinal gastronomía do territorio, sempre acompañada polos mellores viños das adegas miñotas, e completar a nosa experiencia no río Miño.