PARQUE AMIZADE

O auditorio da Fortaleza de Goián serviu hoxe para presentar o proxecto definitivo do Parque da Amizade. O primeiro parque transfronteirizo da Eurorrexión e da ponte peonil e ciclista que o fará posible

O lugar onde máis próximas están as beiras do Miño no seu último treito, onde se miran Espazo Fortaleza de Goián e do Parque do Casteliño, vaise converter nun só parque sen mirar fronteiras: o Parque da Amizade Tomiño-Cerveira. Unha ‘euro-área’ de 25,6 hectáreas unida por unha nova ponte peonil e ciclista que permitirá un espazo común público, urbano e de lecer que se constituirá no único parque transfronteirizo da Eurorrexión e dos maiores de toda a Europa.

O proxecto foi presentado hoxe oficialmente nun acto presidido pola presidenta da Deputación Carmela Silva e o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez e os anfitrións, a alcaldesa de Tomiño Sandra González e o presidente da Cámara de Cerveira Fernando Nogueira. Asistiron autoridades dos gobernos centrais como a ministra de Coesão Ana Abrunhosa e a secretaria de estado de Valorización de Interior de Portugal Isabel Ferreira, e a subdelegada do Goberno Maika Larriba; e autoridades autonómicas como o presidente da CCDR-N Antonio Cunha e o vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda, amosando o seu apoio á iniciativa. Tamén houbo representantes da Comandancia de Mariña, da Capitanía do Porto de Caminha, do CIM Alto Minho, autoridades autonómicas e rexionais, así como as persoas integrantes do xurado do concurso de ideas da ponte peonil, e de entidades sociais e económicas do Concello de Tomiño.

A actuación recibiu o apoio expreso da Xunta e da ministra de Coesão de Portugal, que asegurou “é un proxecto prioritario magnífico que ten que ser realidade antes incluso que o tren de alta velocidade

O deputado Uxío Benítez, que fixo de guía do evento, explicou que o Parque da Amizade responde “á vontade de dous concellos de trazar unha axenda estratéxica común, de crear un verdadeiro espazo público europeo e de consolidalo a través dunha unión peonil e ciclable. Un espazo común que aínda hoxe sen unión física está a ser trazado de xeito cohesionado e complementario”.

PARQUE AMIZADE 3

En canto aos servizos que se darán no novo espazo, o nacionalista subliñou que os concellos de Tomiño e Cerveira traballarán para darlle un novo pulo completando os equipamentos actuais cun novo parque botánico e unha zona de glamping, así como con piscinas, campos de xogo e incluso un novo museu, co fin de facer o parque aínda máis atractivo.

Lembrou que se trata dun espazo clasificado como Rede Natura 2000, unido coa estación de trens de Cerveira, dende o que é fácil conectar o Alto Miño e o Baixo Miño galego, Porto-Vigo, Lisboa-Madrid, Portugal-España, pero tamén percorrer un “Anel Verde transfronteirizo”, con máis de 400 quilómetros de vías naturais existentes nas dúas marxes, e gozar do máis recente proxecto de repartición de bicicletas eléctricas entre as tres Eurocidades do río Miño. “Este é un claro exemplo do slogan de atracción turístico de “dous países, un territorio”, subliñou.

A parte máis emotiva do acto correu da man da alcaldesa de Tomiño e o alcalde de Cerveira, quen subliñaron o traballo histórico conxunto e as fondas relacións sociais entre ambas as beiras. “Hoxe colocamos un fito importantísimo para afondar na irmandade dos nosos pobos, contribuíndo a desfronteirizar a vella Europa para xerar un espazo común , un parque único e continuo enclavado nunha vella fronteira. Queremos consolidar unha gran ‘zona franca social’”, subliñou Sandra González, quen fixo un chamamento ás maquinarias dos gobernos de Madrid e Lisboa para que o proxecto do Parque da Amizade sexa unha realidade canto antes.

Tamén Fernando Nogueira aproveitou o seu discurso para reivindicar “a maior atención e apoio de todas as entidades aquí presentes para ultrapasar procedimentos operacionais administrativos e burocráticos” e así contribuír “á consolidación dos valores e do soño europeo”.

Unha liña sobre o miño. Un lugar transparente e aéreo

A nova ponte peonil e ciclista que unirá ambas beira, e que segundo Benítez a pesar de ser espectacular é “o só é o medio para conseguir o obxectivo: o espazo conxunto”, foi explicada polos enxeñeiros e arquitectos da UTE Bernabeu&Garrido. Puido coñecerce grazas a un vídeo de realidade virtual proxectado nunha pantalla de grandes dimensións, que permitiu ás persoas asistentes ter diferentes vistas aéreas de como se levantará entre ambas beiras e cruzalo a pé e en bicicleta de maneira virtual.

Os autores explicaron que a nova ponte Goián-Cerveira propúxose co lema ‘Unha liña sobre o Miño’ como unha construción extremadamente lixeira e aérea, cuxa posición e estrutura preserva as vistas cruzadas das fortalezas situadas a un lado e outro do Miño. “Respecta as delicadas ecoloxías do río e a súa xeometría de doble curvatura fará da súa travesía unha experiencia intensa, profunda e memorable na que a paisaxe sempre variable que se abre cara o Atlántico, ao sur, e ao valioso patrimonio histórico, ao norte, é o máis importante”.

Subliñaron que a ponte proposta distínguese claramente da estrutura da Ponte da Amizade situada augas arriba a menos de 1.500 metros, e que o seu uso exclusivamente ciclista e peatonal permite empregar unha estrutura “máis audaz”, maiores luces e un planeamento estratéxico no que a experiencia do cruce e a relación coa paisaxe son “determinantes e ineludibles”, polo que é o máis transparente e aéreo posible. Créase un “lugar propio” que desvela unha paisaxe inédita “que alonxándose das edificacións de Vila Nova de Cerveira e das fortalezas, descubre a inmensidade do estuario do río Miño con toda a súa potencia natural fronte ao silencio formal e expresivo da ponte”.

O viaduto colgante ten 330 metros de lonxitude e 9,20 metros de gálibo. A estrutura horizontal está composta por unha plataforma de catro metros de largo cun pavimento de madeira e de formigón e lastro portugués nos extremos, completada cunha varanda de malla metálica con pasamán de aceiro. A estrutura vertical está composta por dous apoios de aceiro na ribeira, que enlazan ao sur do Espazo Fortaleza, tamén na zona do auditorio, e ao sur do Parque do Castelinho. Igualmente non terá afección nin á praia nin ao illote.

Carmela Silva: unha actuación que vai namorar a todas e a todos

Hoxe é un día fermosísimo porque estamos a falar de amizade, de fraternidade, de transformación, de ideas, de compromiso cun mundo novo onde o medio ambiente e o coidado do territorio son protagonistas” asegurou a presidenta Carmela Silva durante a presentación do Parque da Amizade e da ponte peonil e ciclable sobre o Miño. “Nesta comarca hai grandes valores medioambientais, culturais, históricos, unha lingua que nos une, unha economía moi potente pola que temos que seguir a traballar para construír futuro. Este proxecto, que permitirá unir a dous pobos veciños a través do Miño, é así de ambicioso”, manifestou ao tempo que subliñou a calidade estética desta actuación que “vai namorar a todas e a todos”.

A presidenta, que comezou a súa intervención facendo fincapé na ampla maioría de mulleres políticas presentes no acto e nas mulleres que historicamente en ámbalas dúas marxes do Miño traballaron e garantiron a economía, amosou a súa seguridade de que o proxecto será realidade “polo empuxe das mulleres” e destacou que “sen a visión política das mulleres, que sitúan ás persoas no centro da acción política, non sería tan marabilloso como este”. Tamén recordou o nacemento da iniciativa da man do mundo local, “o que mellor coñece a realidade e sabe o que realmente é tractor para o cambio. O mundo local reclama que este proxecto sexa unha realidade”.

Carmela Silva, que rematou cuns versos da canción “Acuarela” de Toquinho, fixo tamén un chamamento a “mudar neste século XXI moitas cousas que fixemos mal no XX, recuperando o amor pola natureza e impulsando unha economía na que as persoas sexan o centro de todo”. Neste eido, destacou o compromiso da Deputación: “que dende fai seis anos está a transformar e mudar a provincia, cun modelo claro sostible, xerando economía, mantendo a poboación en todo o territorio e garantindo dereitos e servizos para todas as persoas”.

Apoio expreso dos gobernos ao Parque da Amizade

Logo da presentación do proxecto, nos discursos institucionais, a ministra de Coesão de Portugal, Ana Abrunhosa, subliñou que cumprirá a súa palabra de que a futura ponte peonil que permitirá que o Parque da Amizade sexa unha realidade. Destacou, de feito, que se trata dunha iniciativa que é prioritaria “e magnífica” para o goberno portugués e que debería ser incluso anterior que a alta velocidade que una Porto e Vigo.

Todos os proxectos que fortalecen a ligazón entre Portugal e Galiza son prioritarios. No tren estamos a traballar. A cooperación transfronteiriza é fundamental para nós porque a fronteira debe ser o lugar central da península Ibérica”, subliñou. Lembrou tamén que os dous estados asinaron unha Estratexia Común de Desenvovemento Tranfronteirizo na Cimeira do ano pasado.

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou que a Xunta de Galicia traballará en favor da materialización da ponte e de outros proxectos para o desenvolvemento do territorio transfronteirizo . “Podedes contar coa Xunta dende agora e ata o final. Esta ponte vai ser unha realidade”, dixo, lembrando que o proxecto, ao igual que outros destinados á Eurorrexión está incluído dentro dos que se enviaron para o financiamento cos fondos europeos do Next Generation.

A subdelegada Maika Larriba destacou que o goberno español acolle con máximo interese este proxecto. “O Miño hoxe máis que nunca tense que converter nunha oportunidade para o desenvolvemento das localidades a ambas beiras e nunca máis nunha barreira natural“. Lembrou que “vivimos non hai moitas datas o que supón votar a tempos atrás cando o río era unha fronteira infranqueable. A situación sanitaria pola COVID-19 obrigou a pechar as pontes para tratar de controlar a pandemia, e a veciñanza de ambos lados sufriron os problemas derivados desta situación. Pero ese esforzo non foi en balde. Hoxe podemos estar todos aquí celebrando dun xeito unido o que vai ser nun futuro, espero que non moi longo, un novo punto de encontro entre ambas beiras do Miño”.

Finalmente, o presidente do CCDR-N, Antonio Cunha, cualficiou na súa intervención de “magnífico” o proxeto do parque e o da ponte e destacou que a súa “naturalidade” permitirá levalo adiante.

Galego GL Português PT Español ES