“Contar coa marca Rio Minho permítenos ter unha oferta moito máis completa e transfronteiriza que nos fai máis fortes e competentes”, afirmou o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez

 

O evento continúa o venres coa I Xornada Gastronómica do Rio Minho en Caminha

O ‘I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Río Miño’ botou a andar na Guarda co ‘I Congreso Turístico do Rio Minho’, xornada dedicada a profesionais tanto do sector privado como da administración. A apertura correu a cargo do director do AECT Rio Minho e impulsor da Marca Rio Minho, Uxío Benítez.

O director do AECT Rio Minho sinalou a  “situación xeoestratéxica excepcional deste territorio” emprazado no eixo Vigo- Porto, no que ademais podemos atopar “unha importante actividade socioeconómica”. Benítez insistiu “na idea fundamental de entender este territorio galego- portugués como un espazo único, e ao río Miño como o seu centro”. “Contar coa marca Rio Minho permítenos ter unha oferta moito máis completa e transfronteiriza que nos fai máis fortes e competentes”, engadiu o director do AECT Rio Minho.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, felicitou o AECT Rio Minho polo traballo levado a cabo e os proxectos que se están desenvolvendo no territorio e salientou que o territorio transfronteirizo do río Miño ten “todos os ingredientes para que haxa un gran proxecto e un produto de turismo sostible”. Ademais, sinalou que o Encontro que se celebra na Guarda “marca o inicio de algo grande, de ser capaces de construír algo que permita que crezamos xuntos, un proxecto para o futuro da xente do territorio”.

Tamén participaron na presentación do Congreso turístico o alcalde da Guarda, Antonio Lomba;  a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita Urgoiti; o director do Centro de Estudios Euro Rexionais, Valerià Paül; a directora operacional de Turismo Porto e Norte de Portugal, Susana Riveiro e o presidente da Câmara Municipal de Caminha, Miguel Alves.

Con preto de 80 asistentes, superando todas as expectativas, a sesión da mañá estivo dedicada á creación de marcas turísticas e ao marketing dixital e continuou cunha mesa redonda sobre diferentes experiencias europeas de turismo transfronteirizo. Así, abordáronse os casos de Barakaldo, en Euskadi, diferentes casos europeos e o da propia marca Rio Minho, que correu a cargo do director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez.

O catering correu de man da escola de hostalería do CIFP Manuel Antonio de Vigo, con produtos locais “km cero” e obxectos de menaxe sustentables e reciclables, que foi acompañado por viños da adega Terras Gauda.

Xa pola tarde, o ‘I Congreso Turístico do Rio Minho’ continuou cunha formación práctica sobre a creación de paquetes turísticos.

Xornada Gastronómica en Caminha

O venres celebraranse en Caminha as ‘I Xornadas Gastronómicas do Rio Minho’, que tamén se dividen en dúas sesións. A da mañá, dirixida exclusivamente a profesionais do sector da hostalería, reunirá a expertas e expertos en gastronomía que debaterán sobre as relacións entre restauración e turismo. A sesión da tarde, aberta ao público en xeral, combinará presentación de produtos, charlas e catas.

O proxecto Visit Rio Minho está confinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da convocatoria de axudas do Programa de Cooperación Territorial Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

Galiza e Portugal, hoxe máis que nunca, unidos de corazón no 25 aniversario da eliminación das fronteiras europeas

Galiza e Portugal, hoxe máis que nunca, unidos de corazón no 25 aniversario da eliminación das fronteiras europeas O AECT Rio Minho destaca a relevancia dos territorios transfronteirizos ante a situación desencadenada pola pandemia do COVID19 e comprométense fortalecer a cooperación no territorio do Río Miño En marzo de 1995 entraba en vigor o Tratado […]

Comunicado dos equipos de xestión dos proxectos de cooperación europea do Rio Minho ante a pandemia do COVID19

Comunicado dos equipos de xestión dos proxectos de cooperación europea do Rio Minho ante a pandemia do COVID19 Ante a excepcional situación na que nos atopamos provocada pola pandemia do Covid19, a equipa de xestión dos proxectos de cooperación europea Visit Rio Minho e Smart Minho, dos que son socias diferentes administracións públicas de Galiza […]

Comezan as obras de acondicionamento do acceso á praia do Muíño enmarcadas no proxecto de preservación e valorización do Río Miño Transfronteirizo `Visit Rio Minho’

O director do AECT Rio Minho reclamou novos fondos europeos que permitan acondicionar o resto de sendeiros verdes galego – portugueses, un dos maiores atractivos do territorio transfronteirizo Hoxe deron comezo as obras de acondicionamento do acceso á praia guardesa de O Muíño, porta do espazo natural protexido do Esteiro do Río Miño, segundo anunciou […]