O AECT Rio Miño crea un mapa dixital interactivo do Río Miño, dispoñible en Natureza do Río Minho Transfronteirizo, con información sobre o patrimonio natural que paga a pena visitar en ambas marxes do río.
As persoas que queren visitar os concellos á beira do Miño contan agora cun mapa dixital interactivo do Río Miño que lles facilita a localización dos principais puntos de interese do territorio tranfronteirizo.
A través desta ferramenta, creada polo AECT Rio Miño, pódense elixir diferentes posicións e acceder a unha breve interpretación dalgún dos elementos do patrimonio natural dos concellos galegos de A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo e Crecente e dos portugueses de Caminha, Vilanova de Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço. Picando en cada unha das iconas do mapa aparece a posición dos elementos e a opción de ‘como chegar’.
Descubre o patrimonio natural do territorio do Río Miño transfronteirizo
Tanto no territorio galego como no portugués, dende a súa parte máis alta ata a desembocadura do río, veciñanza e visitantes poden identificar numerosos espazos que este mapa dixital vai sinalizando e describindo.
Reservas naturais como o Parque Nacional da Peneda-Gerês ou a reserva fluvial do Río Troncoso, observatorios ornitolóxicos como O Forno do Duque ou o de Salcidos no Baixo Miño, paisaxes tradicionais ou puntos de observación astronómica son tan só algúns dos atractivos naturais que se atopan á beira do río, aínda que tamén se inclúen espazos moi singulares como puntos de observación de libeliñas, xardíns, árbores senlleiras, formacións xeolóxicas ou outros elementos de interese ata os 55 totais.
Un espazo de grande valor identitario, cunha protección máxima pola súa singularidade en canto á paisaxe, á flora e á fauna
Segundo lembra o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Uxío Benítez , o río Miño é un espazo de protección ecolóxica de ámbito europeo grazas á ‘Rede Natura 2000’.
Subliña que é preciso poñer en valor e dar a coñecer o territorio e o seu patrimonio natural, e aproveitar a súa potencialidade, agora tamén a través deste mapa que permitirá ás persoas visitantes localizar os puntos máis singulares e tamén descoñecidos, así como elaborar rutas.
O mapa interactivo, que se pode consultar en https://cutt.ly/5hZUl9T, é unha iniciativa do proxecto VISIT RIO MINHO, cofinanciado con fondos FEDERa través do programa ‘Interreg España-Portugal (POCTEP) 2014-2020‘, que nace coa intención de poñer en valor o potencial turístico e natural do territorio transfronteirizo.