O AECT Rio Minho creará un foro estable de gastronomía e turismo que reúna ao sector privado e aos axentes públicos para impulsar a marca Rio Minho

O AECT Rio Minho creará un foro estable de gastronomía e turismo que reúna ao sector privado e aos axentes públicos para impulsar a marca Rio Minho

O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, participou na inauguración da I Xornada de Gastronomía do Rio Minho, celebrada en Caminha, nun acto no que estivo acompañado polo director da Fundación CEER, Valerià Paül; a concelleira de Festas da Guarda, Elena Baz; e o presidente da Câmara Municipal de Caminha, Miguel Alves.

Benítez aproveitou a ocasión para amosar a súa satisfacción polo éxito do Congreso Turístico que tivo lugar na Guarda e co que se abría este I Encontro de Gastronomía e Turismo do Rio Minho e anunciar “a creación dun foro estable que reúna ás empresas do sector turístico e da gastronomía, e do que tamén formen parte os axentes públicos que estamos traballando día a día polo sector, para que deste modo poidamos camiñar de forma conxunta e coordenada, e cunha estratexia común para impulsar esta marca Rio Minho que ten tanto que ofrecer ao mundo”.

Uxío Benítez salientou “a importancia de traballar de xeito conxunto para ofrecermos un produto máis completo e mostrar ao mundo todo o que temos de bo no noso territorio”

O director do AECT Rio Minho salientou que eventos como este I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía son unha oportunidade para “mostrar ao mundo todo o que temos de bo no noso territorio”, e reiterou que “ao facelo xuntos e xuntas ofreceremos un produto máis completo”. Benítez apuntou que esta era a primeira vez que se realizaba un foro deste tipo con representantes institucionais dunha e outra beira do Miño pero que “con seguridade non sería último”. Ademais, fixo fincapé na importancia da presenza e participación no evento de empresas do sector privado, en ambas as xornadas, “que son as que traballan día a día polo noso turismo”.

Visit Rio Minho

“É necesario que se continúen facendo este tipo de accións e deseñar un camiño cunha estratexia común para ser máis eficientes e competitivos co obxectivo final de atraer máis visitantes”, apuntou. O director do AECT Rio Minho lembrou que o I Encontro de Gastronomía e Turismo do Rio Minho é unha iniciativa que forma parte do proxecto de Cooperación europea Visit Rio Minho, cofinanciado ao 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, “orientado á promoción e preservación do territorio, e que ten por obxectivo atraer visitantes a esta rexión con accións que xa se están executando nunha e outra beira e coa creación da marca Rio Minho, que temos hoxe aquí”.

Ao longo da xornada tiveron lugar diferentes actividades relacionadas coa gastronomía e a industria vitivinícola. Tras un debate con expertos e expertas de diferentes ámbitos académicos e profesionais o chef Alberto González do restaurante Silabario de Vigo ofreceu un showcooking con produtos do territorio. Xa pola tarde foi a quenda para as degustacións e catas de viños, cervexas e lamprea e microcharlas que ofreceron unha visión completa da gastronomía a través da antropoloxía, a historia e as actividades no territorio.