Éxito de participación nas actividades ecoturísticas do programa Vive o Minho
A proposta do programa Vive o Minho, promovida pola Deputación de Pontevedra, tivo como finalidade a posta en valor e o coñecemento do territorio que abrangue o proxecto Visit Rio Minho, co-financiado con fondos FEDER a través do programa ‘Interreg V-A (POCTEP) 2014-2020′, mediante a realización de actividades que combinan deporte, natureza, cultura, gastronomía, astronomía e outros valores presentes no territorio. Unhas actividades que se desenvolveron ao longo de catro fins de semana e que contaron co favor do público, xa que foron máis de 350 as persoas que participaron malia as estritas medidas antiCovid que impuxo a complexa situación sanitaria que estamos a vivir.
As actividades, que xiraron ao redor do río Miño, realizáronse de forma cronolóxica avanzando polo territorio seguindo o seu curso, desde a parte alta ata a súa desembocadura. A proposta incluíu actividades variadas e dirixidas a un público amplo e diverso que se inscribiu de xeito masivo, esgotándose as prazas nalgúns dos casos en cuestión de minutos.
Máis de 350 persoas participaron no programa que incluíu sendeirismo, rutas en bici, rutas urbanas e percorridos históricos, visitas a adegas, museos, petróglifos, balsismo, caiac, gastronomía e observación ornitolóxica e astronómica, entre outras actividades.
A primeira das rutas celebrouse o 12 de setembro e levou aos participantes a coñecer o curso do Miño e do Río Deva ata o alto da Moura, cunha visita posterior á localidade de Melgaço. Ao día seguinte tivo lugar unha actividade de balsismo, un descenso no río Miño xunto a unha visita guiada a unha adega en As Neves e a visita aos petróglifos da Coutada.
Na fin de semana do 19 e 20 de setembro tiñan lugar a terceira e a cuarta ruta: un percorrido circular pola contorna de Salvaterra, así como a visita á viña e ao Museo do Viño. Ao día seguinte a proposta foi unha ruta polo municipio de Monçao coñecida como ‘A Cova da Moura’, unha vista ao palacio da Brejoeira e unha visita a Monçao.
A seguinte xornada, do 26 de setembro, incluíu un percorrido en bici pola ecovía do Miño entre Valença e Vila Nova de Cerveira, e unha visita guiada por Valença e Tui. O domingo 27 de setembro realizábase unha ruta de sendeirismo entre a desembocadura do Tamuxe e o porto de Goián, a visita á fortaleza, e un tramo en caiac polo río.
Un programa que se pechaba na primeira fin de semana de outubro cunha actividade de dous días de duración localizada na desembocadura do río Miño combinando rutas de sendeirismo, observación ornitolóxica, visitas guiadas e unha visita dramatizada no castro de Santa Trega.
Todas as persoas participantes no programa Vive o Rio Minho, ademais de participar gratuitamente nos roteirosecoturísticos, recibiron un paquete de material promocional co que publicitar a marca ‘Rio Miño’. En xeral a satisfacción foi máxima tanto na organización como nas persoas asistentes, polo que queda aberta a organización dunha próxima edición aínda que non se dispoña de fondos europeos.