O ‘I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Miño’ reúne máis de 150 expertas e expertos na Guarda e Caminha
O ‘I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Río Miño’ comeza hoxe na Guarda co ‘I Congreso Turístico do Rio Minho’, unha xornada dedicada aos profesionais do turismo, tanto do ámbito empresarial, como da administración pública. Durante a sesión da mañá trataranse temas como a creación de marcas turísticas, o marketing dixital e experiencias europeas de turismo transfronteirizo. Pola tarde, realizarase unha formación práctica sobre a creación de paquetes turísticos.
O evento forma parte do proxecto europeo Visit Rio Minho de preservación e promoción do territorio transfronteirizo
Xa o venres, celebraranse en Caminha as ‘I Xornadas Gastronómicas do Rio Minho’, que tamén se dividen en dúas sesións. A da mañá, dirixida exclusivamente a profesionais do sector da hostalería, reunirá a expertas e expertos en gastronomía que debaterán sobre as relacións entre restauración e turismo. A sesión da tarde, aberta ao público en xeral, combinará presentación de produtos, charlas e catas.
Obxectivo
O ‘I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Miño’ reunirá na Guarda e Caminha unhas cento cincuenta persoas, entre expertas e expertos e representantes de máis de 50 empresas, co obxectivo de pór en valor e promocionar os atractivos do territorio transfronteirizo de forma conxunta e fortalecer a súa oferta turística, poñendo de relevancia o seu carácter transfronteirizo.
O evento forma parte do proxecto europeo Visit Rio Minho e esta é a primeira grande actividade da marca Rio Minho desde a súa presentación o pasado mes de abril. O obxectivo do encontro é viabilizar e modernizar a oferta turística do Miño transfronteirizo para poder atraer un maior número de visitantes mediante a diversificación da oferta con produtos turísticos específicos da contorna.
Visit Rio Minho
O proxecto Visit Rio Minho está confinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da convocatoria de axudas do Programa de Cooperación Territorial Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. O seu obxectivo é a capitalización da marca Rio Minho a través de actividades transfronteirizas de preservación, cualificación e valorización ambiental dos recursos endóxenos asociados á promoción e comunicación do río como destino ecoturístico.
Son socios de Visit Rio Minho a Deputación de Pontevedra (socio principal), o AECT Rio Minho, o Centro Tecnolóxico do Mar – CETMAR, a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho – CIM Alto Minho, o Centro de Estudios Euro Rexionais Galicia Norte de Portugal (FCEER), a Universidade de Vigo e os concellos de Vila Nova de Cerveira, Caminha, Melgaço, Monçao, Paredes de Coura e Valença.