Máis de 50 empresas do sector turístico e da hostalería xa se inscribiron no ‘I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Minho’
O Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Minho forma parte do proxecto europeo Visit Rio Minho de preservación e promoción do territorio transfronteirizo
O I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Minho concentrará esta semana en A Guarda e Caminha unhas cento cincuenta persoas. Entre expertas e expertos e representantes de máis de 50 empresas, o obxectivo será pór en valor e promocionar os atractivos do territorio transfronteirizo e fortalecer a súa oferta turística. Segundo deu a coñecer hoxe o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez: “Ao promocionar o Rio Minho de forma conxunta estamos gañando valor e conseguimos ofrecer un producto moito máis atractivo”. “Nun só destino temos dous países con todas as súas riquezas”, engadiu o director do AECT Rio Minho.
O acto de presentación do encontro celebrouse no Monte de Santa Trega na Guarda. Participaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o deputado de cooperación transfronteiriza, Uxío Benítez, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o vice presidente da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, Guillerme Lagido.
As inscricións son gratuítas e pódense realizar a través da páxina www.encontroriominho.eu
Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, felicitouse polo enorme esforzo das administracións públicas e o sector privado para lanzar unha iniciativa coma esta. “O I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía é o inicio de algo moito máis grande, ir constuíndo este destino que é a marca Rio Minho“, destacou a presidenta.
O evento forma parte do proxecto europeo Visit Rio Minho. Esta é a primeira grande actividade da marca Rio Minho desde a súa presentación o pasado mes de abril. O obxectivo do encontro é viabilizar e modernizar a oferta turística do Miño transfronteirizo para poder atraer un maior número de visitantes mediante a diversificación da oferta con produtos turísticos específicos da contorna.
Programa
O 17 de outubro o Centro Cultural da Guarda acollerá o I Congreso de Turístico do Rio Minho, dirixido a profesionais do sector do turismo, xa sexa do ámbito empresarial como da administración pública. Durante a sesión da mañá haberá tres mesas temáticas sobre: creación de marcas, marketing dixital aplicado ás empresas turísticas e institucións públicas e casos exitosos de turismo transfronteirizo. A sesión da tarde estará centrada na creación de alianzas ente o sector, e ás 17:00 horas as e os participantes dividiranse en varios grupos de traballo para recibir unha formación práctica sobre a creación de paquetes turísticos.
Por outra banda, a gastronomía será a protagonista do día 18 en Caminha coa I Xornada Gastronómica do Rio Minho. O evento desenvolverase no Museo Municipal de Caminha e os seus exteriores, se a climatoloxía o permite. A cita comezará ás 11:30h (hora galega) cun debate sobre gastronomía e turismo no que participarán os dous prestixiosos chefs Alberto González Prelcic, do Grupo Nove, e o seu colega portugués, Álvaro Costa. A continuación terá lugar un Showcooking dirixido exclusivamente a profesionais do sector no que se elaborarán novidosas receitas a partir de produtos do territorio. Xa pola tarde, as actividades estarán dirixidas ao público xeral e haberá catas de viños e cervexas e microcharlas sobre diferentes temas relacionados coa gastronomía e a industria vitivinícola.
Inscricións
Para participar no encontro é imprescindible inscribirse, de xeito gratuíto, a través da web www.encontroriominho.eu. Os aforos do congreso turístico e do showcooking do día 18 son limitados e destinados a profesionais polo que se aceptarán inscricións ata o límite de prazas. O resto de actividades están orientadas a todo o público, pero tamén se recomenda a inscrición.
Proxecto Visit Rio Minho
O proxecto Visit Rio Minho, está confinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da convocatoria de axudas do Programa de Cooperación Territorial Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. O seu obxectivo é a capitalización da marca Río Minho a través de actividades transfronteirizas de preservación, cualificación e valorización ambiental dos recursos endóxenos asociados á promoción e comunicación do río como destino ecoturístico.
Son socios de Visit Rio Minho a Deputación de Pontevedra (socio principal), a AECT Rio Minho, o Centro Tecnolóxico do Mar – CETMAR, a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho – CIM Alto Minho, o Centro de Estudios Euro Rexionais Galicia Norte de Portugal (FCEER), a Universidade de Vigo e os concellos de Vila Nova de Cerveira, Caminha, Melgaço, Monçao, Paredes de Coura e Valença.